Breve historia da A.V. de Teis

Asociacion de veciños de TeisOs anos 70 do século XX, foron un período de loita contra a dictadura de Franco, xa na súa derradeira etapa, cunha implicación das organizacións políticas especialmente da esquerda e do nacionalismo na loita por  acadar a democracia. Neste contexto na cidade de Vigo, entre os anos 1975 e 1976,  xurde a necesidade da creación das asociacións veciñais, debido as necesidades sociais existentes nos barrios e parroquias e por ser unha forma de loita.

No caso  do barrio de Teis,  o xermolo da nosa asociación saíra dunha comisión de veciños da Travesía de Vigo ( hoxe avda Angel de Lema y Marina),  que en xaneiro do 76, denuncia o elevado número de accidentes e atropelos  que se están a producir nesta vía de acceso á cidade por falta de sinalizacións. Representantes do Círculo Cultural e Recreativo de Teis e da Asociación de Pais de Alumnos do colexio Paraixal encabezan as demandas  e manteñen  reunións co gobernador civil.

Daquela anuncian entón a súa intención de constituíren unha asociación de veciños para combater a marxinación do barrio de Teis e reclamar servizos, o  5 de marzo de 1976, reunense un grupo de veciños para a constitución da asociación  e o 22 de abril do 76, seria cando o gobernador  civil  remitiulle unha carta ao alcalde de barrio de Teis, notificando aprobación dos estatutos, ainda que  este feito seria silenciado durante un tempo para evitar o funcionamento da asociación.

Apercibida do asunto a xestora da asociación anuncia a súa primeira asemblea xeral  para o 20 de xullo de 1976 , na que dará conta da legalización  dos estatutos e abrirá as inscricións de socios. Esta primeira xuntanza tivo lugar no colexio Paraixal.

A primeira loita da asociación  como tal, foron as concentracións  realizadas en xullo do 77, para denunciar os danos ocasionados polas obras de construcción da autoestrada AP-9, na Mouta. En agosto dese ano, publicariase o número ”0”da publicación  “A Guía” como voceiro da asociación e para axudar a financiación da asociación montase un posto na festa de San Salvador e na festa da sardiña.Asociacion de veciños de Teis

Xa no ano 1980, fanse varias concentracións para reivindicar semaforos na encrucillada dos Caños,  nunha destas concetración a policía carga contra a veciñanza, pero finalmente conseguese que o Concello instalase os semaforos.

Desde o comezo da asociación e especialmente ao longo dos anos 80, unha das reivindicacións principais é a necesidade de todar a todo o barrio dunha rede de saneamento. Isto provocou a realización de varias mobilizacións e inclusive paralizouse no ano 89, as obras  da instalación da tubería da abastacemento de auga para o Morrazo que atravesa o barrio, mentres non se completen os proxectos de Vigo.

Un dos simbolos do barrio é a carballeira da Guía, este espazo foi obxecto tamén de ameazas no ano 84, o pleno do Concello aproba a construción dun centro de saúde nos terreos da centenaria carballeira. A asocación amosou inmediatamente a súa oposición, pois queriamos o centro de saúde pero noutra parcela do barrio e iniciamos unha campaña. No mes de abril a vocalía xúvenil organiza un maratón que sae do local e remata na carballeira da Guía, logo o Concello entraría en razón.

Nese mesmo ano 1984, comeza a reclamación do traslado dos depósitos de  “ Campsa “ e a asociación elabora unha alegación ao plan xeral de ordenación urbana reclamandoo traslado dos depósitos   por supor un grave risco e perigo para o barrio. Naquel intre existe un temor especial na veciñanza, logo do estoupido duns depósitos de combustibel en  “ San Juanico “ Mexico, onde morreran 700 persoas.  O asunto toma forma e finais dese ano e ao longo do ano 85, se inicia unha ambiciosa campaña, asembleas, elaboración de murais, recollida  de sinaturas,  no entroido faise unha queima simbólica dos despósitos diante do mercado, festival na carballeira, finalmente no ano 1991, asinasa un convenio entre o Concello e a  “ Campsa “ para trasladar os despósitos a unhas novas instalacións en Puxeiros  e no seu lugar crear unha zona verde.

O anuncio da construción do tramo de autoestrada AP-9, Rande-Puxeiros no ano 1990, suporía  un grave impacto para o barrio de Teis e para outros da cidade. Desde os afectados e a asociacións implicadas reivindicamos a elaboración dun trazado alternativo e realizanse ao longo deses anos múltiples xestións, a vogalía xúvenil organiza unha marcha contra o trazado  do Rande- Puxeiros. No ano 1995 comezan as obras deste trazado cunha forte polemica e a desfeita da Madroa.

O problema da drogadición  que padecen numerosos lugares da cidade a comezos da década dos 90 ten no barrio de Teis un dos seus máximos expoñentes. Ademais das protestas  pacíficas que demandan maior seguridade nas rúas, como a de decembro 1992.

O baile de lugares onde poñer a planta de transferencia de residuos urbanos  en Vigo, coñecida como “ empacadora “ , por parte da Xunta, logo de descartarse varios emprazamentos  no 1994 o Alcalde daquela confirma que será  na franxa portuaria de Guixar onde se construa, provoca unha reacción de total oposición dos colectivos do barrio e da propia asociación. O 3 de xullo aínda reiterando a nosa oposición a empacadora, desvinculamonos  públicamente da comisión de afectados ao considerar que estában tendo unha actitude irreponsabel nas súas accións e manipulando a veciñanza do barrio.

No ano 2000, comezamos que na Autoridade Portuaria está a exposición pública o proxecto do porto deportivo da Lagoa, que incluía  a  construción dun espigón de235 metrosde longo e ocupar unha superfiice de9.000 m2,  330 prazas de amarre e a desaparición da praia da Lagoa. Desde que coñecemos o proxecto a asociación manifesta a súa oposición total,  a este proxecto logo se sumarían a ampliación do estaleiro “ Montenegro “ en Ríos e  outro  porto deportivo na Cacharela. Está situación supón que a asoacación inicie unha campaña contra este proxectos e pola recuperación do litoral de Teis, que se prolongaría até o ano 2005, coa celebración de asembleas, concentracións,   actos de limpeza na praia de Ríos e A Lagoa,  marcha ciclista, edición de autocolantes, postais, etc.

As agresións ao litoral de Teis, xa degradado  desde facía decadas pola actividade portuaria e estes proxectos agresivos que pretendían arrasar o pouco litoral do que gozaba a veciñanza, está  supón que a  III Marcha contra as agresións a ría , convocada pola Plataforma pola Defensa da Ría de Vigo “Cíes”,  celebrada o   9 de novembro de 2002, saida desde o mercado de Teis.Asocacion de veciños de Teis

A elaboración do último Plan Xeral de Ordenación, supuxo unha nova agresión ao barrio polo impacto da proposta que non consolidaba parte da vivenda unifamiliar existente na zona periurbana do barrio, isto supuxo a unión dos colectivos do barrio e dos afectados e a convocatoria ao longo de 2005 de numerosas manifestacións.

No ano 2006, temos coñcemento do trazado do AVE a Vigo é unha vez máis, afecta a veciñanza Teis. A asociación apoia as demandas da veciñanza afectada que non  se opón ao trazado, pero exixe unhas indeminizacións xustas. Neste tempo debido a actitude do Ministeiro de Fomento, a veciñanza tivo que mobilizarse en repetidas ocasións diante das administracións implicadas.

Desde  que  a finais do ano 2002, os militares abandonaron a ETEA,  a asociación reinvindicou o uso público destes terreos, a recuperación do borde litoral, uso das instalacións deportiva e a dotación para o barrio como a cosntrución dunha residencia para os nosos maiores,  cansos de anuncios e  promesas en xaneiro, febreiro e maio do ano 2008, convocamos concentracións diante da   entrada da ETEA, posteriormente se permitiría o acceso a estes terreos, pero a día de hoxe as instalacións deportivas aínda están pechadas.

Non podemos esquecer da vontade desta asociación de recuperación e divulgación da historia do barrio nalgúns caso esquecida,  así  no ano 2000 editamos un libro sobre o Sindicato de Agricultores e o  22 de novembro de 2001, colocamos un monumento no parque, onde estaba o local do Sindicato de Agricultores de Teis e o acto máis emotivo foi a inauguración o 27  de decembro de 2008, dun monolito na Guía no lugar onde asasinaron a Ángela Iglesias e José Niebla, no ano 1937 e  na memoira dos asasinados e represaliados polo dictadura fascista.

Vigo 2 de setembro  de 2011.