A ASOCIACIÓN, DENUNCIA A FALTA DE MANTEMENTO E O ABANDONO DOS PARQUES E XARDÍNS EN TEIS.

A Asociación Veciñal de Teis, queremos denunciar a falta de mantemento dos parques e xardíns en Teis, en especial o parque da Guía, parque Carlos Gardel ou o parque da avenida de Galiza “ O local ”.

Non é a primeira vez que desde a Asociación, denunciamos a falta de mantemento e o abandono dos parques e xardíns en Teis.  

Onte, dirixímonos por escrito a Concellaría de parques e xardíns, para denunciar  está situación e esixir que se tomen medidas para garantir o mantemento dos espazos verdes en Teis.  

Nestes espazos a vexetación invade todo, a herba ten un elevado tamaño ou herba e as plantas están secas. Esta situación prodúcese desde hai semanas.

No parque da avenida de Galiza, coñecido como ” O local “, por ser estes terreos onde estaba a Sociedade de Agricultores de Teis, onde hai un monumento conmemorativo. No espazo do monumento a herba esta moi seca e alta. Nunha situación semellante atopase tamén, o parque Carlos Gardel, na avenida de Buenos Aires.

No caso do parque da Guía, é grave  a situación dos terreos ao redor da capela, onde a herba, ten nalgún punto máis dun metro de altura e até hai xa silveiras. É escandaloso que un dos grandes parques da cidade, careza dun mínimo mantemento e presente un estado de abandono.

A isto, temos que engadir que o parque da Guía, ademais da falta de mantemento nas zonas verdes, necesita mellorar nas dotacións e servizos:  non hai aseos, nin cafetaría, o autobús turístico non inclúe a  visita ao parque, levamos 3 anos  agardando polas obras de reparación do paseo  da capela, a eliminación das arbores de especies invasoras ou necesidade de realizar unha escavación dos restos arqueolóxicos.     

Estes son exemplos pero en Teis, hai máis parques e xardíns con  falta de mantemento e abandono, podemos engadir os xa indicados: o parque da Riouxa, Coutadas ou  Centro Cívico.  

Scroll ao inicio