DENUNCIA A FALTA DE INFORMACIÓN E PARTICIPACIÓN
A.V. DE TEIS, PRESENTA AO CONCELLO PROPOSTAS PARA A MELLORA DO TRANSPORTE URBANO EN TEIS.
A Asociación Veciñal de Teis, presentou a pasada semana no rexistro unha serie de propostas para a mellora das liñas do autobús urbano que pasan polo barrio de Teis, diante da remodelación das liñas do transporte anunciadas o pasado 24 de xaneiro.
A esta asociación gustaríalle presentar estas propostas ao Concelleiro de Transporte, David Regades, pero non foi posíbel pois polo de agora, a nosa solicitude de xuntanza presentada o pasado 5 de febreiro, aínda non recibiu resposta, como é habitual neste goberno.
As nosas propostas afectan as liñas C3, C5,L17,L10 e L31, debemos destacar como proposta a mellora na frecuencia da circular 3, nos días laborais de 15 a 10 minutos ou que os domingos e festivos funcione a liña 10, por citar dous exemplos.
Liña C3: Está liña debido a frecuencia e ao percorrido é unha das máis usadas pola veciñanza, ao comunicar os barrios máis poboados da cidade. Polo tanto é necesario seguir fomentando está liña co obxectivo de prestar un mellor servizo e incentivar cada vez un uso maior do transporte colectivo. Desde a Asociación propoñemos, aumentar a frecuencia dos autobuses da liña C3 a cada 10 minutos de luns a venres, polo que pasarían cada hora seis autobuses en cada sentido. Está proposta xa a presentamos ao Concello en febreiro de 2008.
Liña 31: Os sábados, domingos e festivos pola noite redúcense o servizo dos autobuses que saen do hospital do Meixoeiro, causando un prexuízo para os/as traballadores/as e aqueles que son usuarios/as do hospital. Tamén que se estude a posibilidade que está liña chegue ate o Vigomemorial, pois non hai ningunha liña desde Teis que vaia até este tanatorio.
Liña C5: Modificar o seu percorrido e ampliar a liña até o complexo hospitalario Xeral-Cíes. O autobuses que veñan pola Travesía de Vigo que continuen pola rúa Pizarro até a praza de España e que baixen pola avenida Gran Vía até a rúa Urzaiz.
Liña 10: Non hai servizo desde o cemiterio de Teis, nen domingos nen festivos.
Liña 17: Os domingos e festivos, aumentar as saídas desde Ríos a primeira é ás 10:01 horas e a seguinte ás 14:01 horas, transcorren catro horas entre estas dúas saídas.
Resulta escandaloso a falta de información que ten a veciñanza e as asociacións sobre a anunciada remodelación das liñas do transporte a día de hoxe. Nesta remodelación, non se contou coa opinión desta asociación, pero si aconteceu na anterior remodelación. Na presentación desta remodelación, falase da elaboración dunha enquisa entre 32.573 os/as viaxeiros, da cal descoñecemos cales son as conclusións e os criterios que se aplican nesta remodelación.
Vigo 17 de febreiro de 2014.