Aquí tedes as actuacións da festa veciñal de Teis, o sábado 14 de setembro, na praza da ETEA. ” O faro da Guía ” , ” Sonido de Teis “, ” Sun Iou” e ” Tecor Societario ” .
O FARO DA GUÍA e SONIDO DE TEIS
Grupo musical de canto O Faro da Guía e o grupo Sonido de Teis, son cinco amigos de Teis, que fan música co mesmo arte con que comemos un Kebab. Imaxiante o shown berrando EA,EA, EA, na propia ETEA. ¡ Puro, Teis manín !.
SUN IOU
SUN IOU é como se di <son eu> na variante do galego falado en Goián, ao sur da Galiza. O nome é unha reivindicación da esencia deste proxecto nacido da man de tres amigos no barrio obreiro de Teis en Vigo. As melodías e letras xurden primeiramente no imaxinario creativo de Tamara Martínez, a música vai pasando pola peneira de Evaristo Alejos e coas súas aportacións van conformándose os temas. Os dous deciden comezar a facer probas de gravación na casa que pouco a pouco van compartindo cos seus achegados. Mikele Fagá (técnico de son no mítico estudio vigués dos 90 Sonoroterapia) deixase conquistar pola proposta e súmase ao dúo dándolle un novo pulo e consolidando o proxecto con ilusión de futuro. Mikele elabora as bases de batería, os debuxos das guitarras eléctricas e inclúe pinceladas sinfónicas que aportan cor e profundidade aos temas.
Buscando masterización contactan con Lolo Arincón de Xonix Records quen, ao escoitalos, proponlles o seu apoio como selo discográfico. Lolo realiza unha nova mestura e encárgase do máster facendo que o disco poda competir a nivel técnico en calquera medio de difusión.
É cando remata a gravación cando comezan os ensaios e deciden incorporar novos membros á banda para levar os temas ao directo.
Así SUN IOU queda conformado do seguinte xeito:
Tamara Martínez : voz e teclados (Nen@s da Revolta, Os Putos, Residuos Atractivas…), Evaristo Alejos (Alex): baixo e voz (Os Folieiros de Lavadores, Residuos Atractivas…), Mikele Fagá: guitarra solista e arranxos. (Skacha, Keltoi, Soak …), Elías Díez: guitarra rítmica (Nen@s da Revolta, Os Putos…), Lara Villaverde: voz (Terapia de Grupo…), María Pérez: voz e pandeireta (Songodin ́s, batukada Levada Arraiana…), Marta Sueiro: gaita (Lumieiras do Morrazo, Saramaganta, Trevo…) e Abel Magallanes: batería (Zaius…)
En resumo, máis de dous anos de traballo intenso e constante teñen como resultado as 10 cancións que forman parte do primeiro álbum de SUN IOU titulado “Agora”. Coidada mestura de rock&roll e tradición con engaiolantes harmonías vocais. O disco publícase no mes de febreiro do 2024 da man da editorial Xonix Records. En dous días chegan ás 2500 repreduccións en youtube co seu primeiro sinxelo “Cantiga de marzo”.
SUN IOU son paixón, autenticidade, perseverancia, sacrificio, compromiso, rebeldía e orixinalidade. Deixate levar a través desta sorprendente viaxe sonora chea de forza e sensibilidade.
TECOR SOCIETARIO
No variado repertorio da banda, destaca a mistura da música tradicional coas músicas actuais. Letras propias coa sabedoría popular, combínanse nunha simbiose única de celtic punk con claras raíces galegas. Presentan na xira deste 2024, o seu último disco: Ti que vas fazer?
Tecor Societário nace no ano 2017 en Compostela. Dende aquela procuran unha mistura de punk e folk coa vontade de facer temas propios e reinterpretar pezas populares galegas. No variado repertorio da banda, destaca a mistura da música tradicional coas músicas actuais. Da composición con letras propias, coa sabedoría popular. Deste xeito, gaita e acordeón, combínanse nunha simbiose única con guitarras, baixo e batería, que seguindo o ronsel do celtic punk, se resolve nun son con raíces claramente galegas.