A Asociación Veciñal de Teis comeza este ano 2013 con un novo proxecto de recuperación do patrimonio fotográfico- histórico de Teis.
Esta nova publicación da Asociación Veciñal de Teis da continuación a unha das liñas de traballo e obxectivos da nosa asociación que no eido cultural manifesta o seu firme propósito de investigar e recuperar a memoria colectiva deste barrio.
A recuperación da fotografía histórica comezaba anos atrás en forma dun primeiro proxecto expositivo, ao que seguiron novas exposicións e publicacións, proxectos que hoxe conforman un importante arquivo con máis de 15.000 de fotografías dixitalizadas, imaxes que ilustran o paso do tempo no barrio de Teis dende os primeiros anos do século XIX.
O Arquivo Dixital da Asociación Veciñal de Teis conten miles de fotografías dixitalizadas durante os últimos anos, recuperadas de grandes arquivos como o da Factoría Vulcano ou da ETEA, que deron lugar a proxectos de divulgación específicos.
Este Arquivo componse ademais de centos de fotografías de pequenas coleccións de veciños e veciñas que de xeito desinteresado colaboraron coa Asociación neste importante proxecto.
Estas coleccións particulares presentáronse nun primeiro “Álbum Fotográfico de Teis”, un libro que tivo unha gran acollida entre os veciños/as e que agora ten continuidade no “Álbum Fotográfico de Teis II” no que os lectores atoparán paisaxes do Teis de 1900, das súas festas e romarías, das escolas, clubes e peñas, dos traballadores dos asteleiros e tantas outras.
Nesta nova publicación contamos coa colaboración dun dos mais famosos veciños de Teis, Antonio Duran, “Morris” que comparte cós lectores neste libro imaxes do seu propio álbum familiar e no que colabora narrando os seus recordos dos anos vividos en Teis como prólogo do libro.