A Asociación Veciñal de Teis e as Anpas de Teis, imos conmemorar o día do libro en Teis, este sábado 22 de abril ás 12:00 horas, diante do edificio do antigo centro de saúde.
Este acto pretende tamén reivindicar a construción da biblioteca en Teis anunciada por Abel Caballero, Alcalde de Vigo, desde hai 9 anos, nun acto na parroquia.
O acto consistira na distribución de libros de balde entre a veciñanza para fomentar o uso da lectura entre a veciñanza de Teis e teremos unha torta para lembrar os 9 anos da anunciada biblioteca por parte de Abel Caballero.
Desde Asociación e as Anpas, levamos anos reivindicando que Teis necesita unha biblioteca, que o edificio que ocupaba o antigo centro de saúde na rúa Enrique Lorenzo, pechado desde o ano 2000, cunha superficie de 1000 metros cadrados, se destinase para biblioteca entre outros usos dotacionais.
Defendemos que neste edificio acolla unha biblioteca, ludoteca e local xuvenil. Queremos que este edificio conte con libros, e non se limite a unha simple sala de lectura, como figura na documentación do Concello.
O goberno municipal leva anos anunciando a remodelación deste edificio, o último anuncio é que as obras comezarían en 2021 para estar en funcionamento en 2022, pero a día de hoxe aínda non comezaron as obras e non coñecemos cal é o proxecto para este edificio.