A Asociación Veciñal de Teis, diante da falta de respostas da Xunta de Galiza e do Concello de Vigo ao abandono da ETEA,  convocamos unha nova manifestación mañá xoves 15 de setembro ás 19:30 horas ,desde a encrucillada dos Caños até a praza da ETEA.

Esiximos a colocación duns aseos esiximos a construción da residencia pública para maiores, adecentamento dos viaís e recuperación dos espazos libres ( peirao, paseo litoral, parque público,…)

Nos meses de xullo e agosto, xa convocamos unha concentración e unha manifestación nos terreos da ETEA.

Desde a saída dos militares no outono 2002, pasaron xa case 20 anos e seguimos sen a recuperación deste espazo para a veciñanza de Teis.

PS-1. Adecentamento de viaís e recuperación de espazos

O 15 de febreiro de 2021, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, da Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, publicaba no Diario Oficial de Galiza, a aprobación definitiva do proxecto sectorial PS-1,área de viais, espazos libres e infraestruturas da ETEA.

Despois de ano medio este plan sectorial aínda non se desenvolveu e non hai data real para comezo das obras.

Hoxe a delegada da Xunta en Vigo, Marta Fernández Tapias, fai un novo anuncio para o desenvolvemento do plan sectorial PS-1, pero aínda non foi quen de xuntarse coa Asociación, despois de solicitar unha xuntanza hai meses, para dar resposta as demandas veciñais sobre o abandono dos terreos da ETEA.

A delegada da Xunta en Vigo, o primeiro que debe facer é xuntarse coa representación da veciñanza de Teis, menos anuncios e máis feitos.   

Non a desafectación

A Asociación é  contraria a desafectación dos terreos da ETEA, nos ámbitos PS1 (viais) e PS4 (zona deportiva), o que supón que 51.000 metros cadrados da ETEA, deixen de ser patrimonio municipal, para voltar ao Consorcio da Zona Franca de Vigo.

Como se explica que despois de 13 anos da sinatura do convenio, agora estes terreos que eran patrimonio municipal, deban voltar ao Consorcio da Zona Franca de Vigo. Cando é unha entidade pública pero que ten como obxectivos principais a promoción económica e empresarial.

O goberno municipal non quer pagar 11,5 millóns de euros, tendo en caixa 130 millóns de euros e cando todos os anos fican partidas importantes dos orzamentos sen executar. Está claro que non é un problema de diñeiro, se non de prioridades e de interese.

Ao longo deste anos Abel Caballero, mentiu reiteradamente á veciñanza de Teis e de Vigo, en relación a ETEA. Sempre dixo que o Concello só tiña responsabilidades sobre o pavillón e agora recoñece que 51 mil metros cadrados pertencían ao patrimonio municipal.

É moi preocupante o desinterese e o desleixo que amosa o Concello de Vigo sobre a ETEA e esta decisión só vai provocar que perdamos aínda máis tempo e que entre Xunta e Concello a ETEA ,siga abandonada.

O primeiro interesado en recuperar a ETEA para a veciñanza de Teis e de Vigo, sería o Abel Caballero, Alcalde de Vigo, pero para a nosa sorpresa a súa xestión e de boicotear a recuperación destes terreos.

Desde a Asociación Veciñal de Teis, a solución pasa por pagar a cantidade acordada no seu día 11.5 millóns de euros ou negociar un novo acordo entre as tres administracións ( Concello, Xunta e Consorcio) implicadas na ETEA.

Aseos

A falta dun simples aseos é un exemplo moi claro do desleixo e o  abandono dos terreos da ETEA, por parte da Xunta de Galiza e do Concello Vigo.

En toda a superficie da ETEA, non hai ningún aseo público aberto, debido a gran afluencia da veciñanza sobre todo no verán, este servizo convértese nunha necesidade.

A Xunta de Galiza, podería destinar o edificio que ocupaba a antiga panadaría, dentro do parque público, se destine para cafetaría con aseos públicos. Outro emprazamento podería ser o pequeno edificio ao carón da pista de skate, tamén no parque público.

Nestes dous edificios xa estaba previsto no proxecto da construción do parque público ano 2012, destinalos un para a cafetaría e outro para aseos públicos e vestiarios, que logo nunca se realizaron.

Ao Concello de Vigo, podería no quiosco que se instala todos os verán no peirao, incluír uns aseos públicos ou instalar uns aseos permanentes nalgunha das construcións existentes no peirao.

Todas as propostas da Asociación, son viábeis o único que debe existir é vontade política, de actuar nos terreos da ETEA, para dotar de servizos a veciñanza que acode a estes terreos.

Residencia para maiores

A Asociación desde hai anos demandamos a construción dunha residencia pública nos terreos da ETEA, debido a demanda social existente na cidade de Vigo  de prazas para residencias para maiores. Segundo diferentes fontes o 79% das residencias e o 60% dos centros de día son de titularidade privada.

Entre outubro e decembro de 2021, realizáronse nos terreos da ETEA os traballos de demolición dos edificios actualmente en desuso: o cuartel de mariñeiría Méndez Núñez e o cuartel de alumnos José Luís Díaz, para liberar estes terreos para construción deste residencia.

Despois de varios meses da finalización destes traballos de demolición e cos terreos xa liberados, aínda non comezaron as obras para construción desta residencia para persoas maiores.

A Asociación denuncia que por parte da Xunta anunciouse en marzo de 2017 a construción dunha residencia para maiores nos terreos da ETEA, despois de seis anos aínda non se colocou, nin a primeira pedra.