As Asociacións Veciñais de Teis e de Chapela, logo de que onte o consello de ministros aprobara as rebaixas nas peaxes da autoestrada AP9,esiximos que a supresión da peaxe no tramo Redondela- Vigo, se aplique de xeito inmediato, pois temos que lembrar que hai un anuncio de que as rebaixas íanse aplicar neste mes de xullo. Agora, desde o goberno central, falase do mes de agosto. Xa chega de escusas e de enganos.

As Asociacións Veciñais, tamén esiximos que a supresión da peaxe supoña da desaparición das cabinas. Non imos aceptar que se obrigue a veciñanza a ter telepeaxe, para poder acollerse a esta rebaixa. Estariamos falando dun engano.

No tramo da peaxe Redondela- Vigo, sempre falamos de supresión. O goberno central quer enganar a veciñanza, anuncian unha rebaixas, para logo dificultar e impedir que a veciñanza use ese tramo da autoestrada AP9.

A veciñanza de Teis e Chapela, queremos as mesmas condicións, que cando se suprimiron outros tramos da peaxe na AP9. O mantemento das cabinas, só se entende, para logo no futuro por novamente peaxe neste tramo.

A comezos do pasado mes de abril, ambas Asociacións Veciñais, solicitamos por escrito unha xuntanza co novo delegado do Goberno en Galiza, José Manuel Miñones Conde, logo do seu nomeamento o pasado 31 de marzo de 2021, para tratar as reivindicacións pendentes sobre a autoestrada AP9, supresión da peaxe no tramo Redondela-Vigo, a conversión en tramo urbano desde Padín até o centro da cidade de Vigo, a instalacións de pantallas contra o ruído, a mellora dos pasos elevados da Xorxa e da Trapa ou as obras de humanización na parroquia de Chapela logo da última ampliación.

Levamos tres meses agardando pola celebración dunha xuntanza, logo dunha solicitude por escrito e de reiterada chamadas. É unha vergoña que un cargo publico, non reciba a uns colectivos sociais para tratar sobre cuestións tan importantes, non só para Teis ou Chapela, se non para a cidade de Vigo.

Chega de enganos e escusas por parte do Goberno do Estado, para suprimir a peaxe no tramo Redondela-Vigo, levamos anos padecendo as mentiras e falta de vontade política por parte dos diferentes gobernos do Estado neste tema.

Autoestrada AP9, desde a avenida de Buenos Aires