Desde a Asociación Veciñal de Teis, queremos denunciar que desde hai como mínimo dez anos, hai roturas na rede de abastecemento de auga a veciñanza  da Subida a Ponte. Xa perdemos a conta das roturas na Subida a Ponte e o Concello de Vigo non toma medidas.

No día de onte, produciuse a última rotura da tubaxe de abastecemento de auga, na  Subida a Ponte, esquina coa rúa Gerardo Campos Ramos.

Esta nova rotura supuxo o corte do subministro de auga durante varias horas e un  corte do tráfico que afectou ao camiño da Balbarda.  

Estas roturas prodúcense con moita frecuencia debido ao mal estado da rede de abastecemento de auga, ao tratarse dunha rede de fibra de cemento. O pasado  mes de maio dirixímonos a empresa concesionaria “ Aqualia “ denunciando está situación e demandando unha solución, sen recibir ningunha resposta.

Rúa párroco Don Serafín.

Non estamos diante dun caso illado en Teis, outro caso grave é a situación da veciñanza da rúa párroco Don Serafín,  como medida seica temporal polas continuas roturas, no pasado mes de xullo  Aqualia realizou un “ bay pass “ coa colocación en varios tramos da rúa de tubaxe ao descuberto, como unha medida provisional para evitar as continuas roturas.

Daquela desde a Asociación falamos coa concellaría de Fomento, que se comprometeu nuns meses a realizar un proxecto para realizar a substitución desta tubaxe.

Despois de tres meses a situación da rúa segue cun remendo e non hai unha data para a renovación do abastecemento de auga.

Plan de mellora da rede de abastecemento en Teis

É urxente a  elaboración  dun plan de mellora da rede de abastecemento de auga en Teis, que elimine na súa totalidade as tubaxes de fibra cemento, como mínimo na Subida a Ponte, rúa párroco Don Serafín, Travesía de Chane , rúa da Campa, etc.