A Asociación Veciñal de Teis, convoca a veciñanza a unha concentración este vindeiro sábado 19 de novembro ás 17:00 horas, na rúa párroco Don Serafín, para esixir a substitución inmediata a tubaxe de abastecemento de auga desta rúa e denunciar o abandono desta rúa. 

A veciñanza da rúa párroco Don Serafín, padece desde hai moitos anos continuas roturas da tubaxe da rede de abastecemento de auga. Isto supuxo cortes do subministro continuos, obras na rúa e o deterioro do firme desta rúa, desde hai anos.

O pasado mes de xullo como as roturas eran continuas Aqualia realizou un “ bay pass “ coa colocación en varios tramos da rúa de tubaxe ao descuberto, como unha medida provisional para evitar as continuas roturas.

Daquela desde a Asociación falamos coa concellaría de Fomento, que se comprometeu nuns meses a realizar un proxecto para realizar a substitución desta tubaxe.

Despois de catro meses a situación da rúa segue cun remendo e non hai unha data real para a renovación do abastecemento de auga.

Hai varias semanas dirixímonos novamente por escrito a Concellaría de Fomento e a empresa concesionaria Aqualia, solicitando coñecer o proxecto de renovación urxente do abastecemento de auga da rúa párroco Don Serafín.  A empresa concesionaria Aqualia, respondeu esta semana que aínda están redactando o proxecto, que logo aínda enviaran ao Concello.  

Plan de mellora da rede de abastecemento en Teis

Desde a Asociación de Veciños de Teis, levamos anos denunciando o deterioro da rede de abastecemento de auga en moitas rúas e camiños de Teis, o caso da rúa párroco Don Serafín non é un caso illado en Teis, temos máis exemplos Subida a Ponte, Travesía de Chané, etc. Polo que é necesario a elaboración urxente dun plan de mellora da rede de abastecemento de auga en Teis.