A Asociación Veciñal de Teis, o Foro Socio educativo “ Os Ninguens” e a Oficina de dereitos Sociais ODS-Coia, convocamos unha concentración este xoves 19 de xaneiro ás 11:00 horas, na rúa Doutor Corbal, 21, diante da oficina dos servizos sociais de Teis, para denunciar que se atopa funcionando baixo mínimos debido a falta de persoal

A oficina dos servizos sociais de Teis, esta pechada media semana  (xoves e venres) desde hai 2 meses, ao carecer de persoal ( administrativo e bedel).

Está falta de persoal administrativo provoca ademais que o resto da semana, a dúas asistentas sociais, teñan que encargarse a maiores das súas funcións de atender a recepción, para abrir e pechar a porta da oficina, ao ter que permanecer pechada por seguridade.

Ademais está oficina só conta con dúas traballadoras sociais, cando o baremo é de 1 traballadora social por cada 8000 habitantes, é Teis conta cunha poboación de 20.000 veciños/as.  

Está situación provoca  unha mingua dos servizos sociais en Teis, que afecta a veciñanza que acude diariamente aos mesmos para tramitar todo tipo de axudas sociais ( risga, axudas de emerxencia, pensións non contributivas,…).

Desde a Asociación Veciñal de Teis, dirixímonos por escrito no mes de novembro de 2022 e a pasada semana a concellaría de servizos sociais, denunciando está situación, sen recibir ningún tipo de resposta ou solución até o de agora. Tamén   outros colectivos sociais (Os Ninguéns, ODS Coia,) e partidos políticos teñen denunciado está situación.

É inadmisíbel que esta oficina leve dous meses sen persoal suficiente e  que a concellaría de  servizos sociais non fixera nada. As medidas non pasan por derivar a veciñanza ao Concello ou cargar de máis traballo as asistentas sociais.

A este goberno municipal, só lle preocupa a organización de festas, eventos e  nada  lle preocupan como funcionan os servizos municipais, deixando baixo mínimo unha oficina dos servizos sociais.         

Desde a Asociación Veciñal de Teis, consideramos que é unha prioridade uns bos servizos sociais e esiximos da Concelleira de servizos sociais e do Alcalde. unha solución inmediata, que pasa por dotar a esta oficina de todo o persoal administrativo necesario.