Coincidindo coa celebración do día das bibliotecas, as Anpas de Teis e a Asociación Veciñal de Teis, convocamos unha concentración para este martes 24 de outubro ás 19:00 h, diante do edificio do antigo centro de saúde, na rúa Enrique Lorenzo, para  reivindicar unha biblioteca para Teis.Desde as Anpas de Teis e a Asociación Veciñal de Teis, levamos anos reivindicando que Teis necesita unha biblioteca e propoñendo que o edificio que ocupaba o antigo centro de saúde na rúa Enrique Lorenzo, pechado desde o ano 2000, cunha superficie de 1000 metros cadrados, se destinase para biblioteca entre outros usos dotacionais.

Defendemos que neste edificio acolla unha biblioteca do século XXI. Queremos que  este edificio conte con libros, e non se limite a unha simple sala de lectura, como pretende o actual goberno municipal.

A veciñanza de Teis, levamos 9 anos agardando pola biblioteca anunciada por Abel Caballero Alcalde de Vigo, nas olimpíadas escolares de Teis.

Despois de 9 anos  so hai anuncios e infografías, de feito  o último anuncio é que a biblioteca  estaría en funcionamento en 2022, pero a día de hoxe aínda non comezaron as obras e non coñecemos  cal é o proxecto  definitivo para este edificio.