NOTA DE IMPRENSA

 

A ASEMBLEA DE AFECTADOS/AS POLOS NICHOS NO CEMITERIO DE TEIS, SOLICITA COÑECER O PROXECTO E O ARQUIVO DO EXPEDIENTE ABERTO POLO CONCELLO.

 

 

Logo das declaracións realizadas polo alcalde de Vigo, nas que anunciou que o goberno municipal asumiría os arranxos dos nichos do cemiterio de Teis.

 

A Asemblea de afectados/as polos nichos do cemiterio de Teis, celebrada na tarde de onte, acordou que no día de hoxe a Asociación Veciñal de Teis presentaría dous escritos: 1) solicitando o arquivo do expediente que obrigaba aos propietarios dos nichos a realizar as obras, e 2) coñecer que proxecto concreto realizará o Concello de Vigo no cemiterio.

 

A asemblea considera que o proxecto a realizar polo Concello debe ser a maior brevidade posíbel, nun prazo inferior a dous meses, debido ao mal estado dos nichos do cemiterio. As obras deben incluír a mellora da cimentación dos nichos e a recollida e canalización das augas do cemiterio e da contorna, responsábel dos problemas de estabilidade dos nichos.

 

Na Asemblea a veciñanza sinalou que a situación dos nichos e a falta mantemento do cemiterio, debese a despreocupación e abandono do goberno municipal polo cemiterio desde hai anos.

 

A veciñanza tamén quer denunciar que nin a concelleira de sanidade nin ningún outro membro do goberno municipal foron quen nestes meses de manter ningunha xuntanza ou contacto coa veciñanza. En vez diso, o alcalde da cidade dedicouse a realizar declaracións a través dos medios de comunicación para confundir e manipular desde a súa privilexiada posición de poder.

 

A estratexia do actual alcalde consiste na sistemática anulación e difamación do asociacionismo veciñanza. As reclamacións lexítimas da veciñanza organizada son sistematicamente contestadas polo alcalde con hostilidade e manipulacións. O alcalde non quer tratar con cidadáns que expoñan as súas opinións, senón con súbditos que aplaudan as súas ocorrencias. Cando desde colectivos veciñais, como o de Teis, limitámonos a expoñer as demandas do barrio, a veciñanza atopase sistematicamente co muro dun goberno municipal prepotente e incompetente.

 

Consideramos que neste conflito, unha máis, vez fica clara a necesidade dun movemento veciñal reivindicativo e independente como o que representa a Asociación Veciñal de Teis.

 

Sinalar, dado que así foi acordado na Asemblea, que faremos un seguimento da situación do cemiterio e non daremos por rematado este conflito até que sexan arranxadas as causas que deron lugar ao deterioro dos nichos.

 

Vigo 13 de marzo de 2013

 

 

 

 

 

Asdo. Anxo Iglesias Covelo.

Secretario da A.V. de Teis