A. V. DE TEIS RECLAMA QUE O PP GARANTA QUE NOS ORZAMENTOS MUNICIPAIS SE INCLUA O CONVENIO DO CENTRO CÍVICO DE TEIS.

 

 A Asociación Veciñal de Teis (AVT) quer denunciar publicamente que, segundo o acordo pendente de oficializarse entre o goberno municipal do PSOE e o Partido Popular para o orzamento do Concello de Vigo para 2014, non se inclúe ningunha partida que recolla o convenio entre a AVT e o Concello para a xestión do Centro Cívico de Teis. Este convenio permite á AVT a realización dunha ampla oferta de actividades culturais e sociais neste no barrio de Teis.

 O convenio co Concello de Vigo existe desde a apertura do Centro Cívico, en 2002, e reeditouse en mandatos con todos os partidos políticos con representación no noso Concello. Porén, é coñecida a intención do goberno municipal de Abel Caballero, que desapareza este convenio para evitar que a AVT xestione o Centro Cívico. Xa finais do ano 2012 , o goberno municipal anunciou a non renovación do convenio para 2013, pero a forte resposta social de Teis e a negociación dos orzamentos co BNG, fixo finalmente a inclusión desta partida.

A decisión de non manter o convenio coa AVT non se debe nin a cuestións económicas, nin de mellora na xestión do centro. É simplemente unha medida de represalia contra esta Asociación polo seu carácter reivindicativo e independente do goberno municipal, na mellor tradición histórica do movemento veciñal vigués (…apertura instalacións deportivas da ETEA, humanización rúa Enrique Lorenzo, rotura tubaxes no barrio, xestión centro cívico, cemiterio, etc).

Neste momento, desde a nosa Asociación, convidamos ao grupo municipal do Partido Popular para que non sexa cómplice das intencións do goberno municipal de Abel Caballero de represaliar á AVT, e ao movemento veciñal, e que garanta a inclusión no orzamento da partida do convenio sobre o Centro Cívico.

En xuntanzas mantidas o 21 de febreiro e o 12 de marzo entre unha representación da AVT e o grupo municipal do PP, este comprometeuse connosco a defender na negociación dos orzamentos 2014 as demandas do barrio, entre elas o convenio. Nas últimas horas este compromiso co movemento veciñal reafirmouse a través de conversas entre a AVT e representantes destacados do grupo municipal do PP.

 

 

Vigo,29 de marzo de 2014.