A A.V. DE TEIS, PRESENTA ALEGACIÓNS A MODIFICACIÓN  DE CRÉDITO,  ESIXINDO MÁIS INVESTIMENTO EN TEIS E MENOS PROPAGANDA.

A Asociación Veciñal de Teis, presentou onte  durante o período de información pública, alegacións a aprobación da modificación de crédito extraordinario, aprobado no pleno municipal do pasado 9 de novembro de 2022.

As catro alegacións presentadas non están incluídas na modificación de crédito extraordinaria  e para  veciñanza son prioridades trasladadas ao goberno municipal desde hai anos e que non son atendidas.

Esiximos un plan beirarrúas en Teis,  mellora do parque da Riouxa,  renovación da  rede de abastecemento e a pavimentación da rúa párroco Don Serafín e a mellora do saneamento na rúa Arnela.

Desde a Asociación, queremos que se creen catro novas partidas para atender necesidades de Teis,  recortando todas as partidas, baixo a denominación de  “ promoción actividades marcas Vigo “ , que supoñen  nesta modificación de crédito 2.500.000 euros, dos 32.817.307,02 euros e que son nada máis que  partidas para propaganda do goberno municipal.

Mentres en Teis, hai vivendas sen conexión de saneamento, rúas con problemas no subministro de auga debido ao deterioro da rede, rúas  que carecen dunha simple beirarrúa, parques infantís insuficientes, etc, pero o goberno municipal destinada millóns de euros a propaganda.      

Plan beirarrúas en Teis

Na parroquia de Teis, podemos aínda observar como hai rúas que carecen dunha simple beirarrúa, nalgunha das marxes. Esta situación provoca perigo para a veciñanza que vive ou pasa por estas rúas, pois son  rúas moi transitadas e con risco de atropelo.

Esta asociación xa ten solicitado a este goberno municipal, a necesidade de construír beirarrúas nestas rúas, pero até o de agora non foi unha prioridade.

Aquelas rúas nas que sería máis urxente actuar son a rúa da Oliveira, rúa Gerardo Campos Ramos,  rúa Roris e finalizar a beirarrúa na rúa Foxos.

Polo que entendemos que debe incluírse unha nova partida de construción de beirarrúas en Teis, por un importe de 450.000 euros.

Mellora parque da Riouxa

É un dos grandes parques da cidade, pero necesita mellorar tanto no seu mantemento como nas dotacións, pois é un espazo descoñecido e desaproveitado pola deixades municipal.

Na década dos anos 90 realizouse a ampliación da baixada a Rotea, collendo terreos do parque, pero quedou pendente de facer unha parte do muro que rodea o parque. Este muro leva sen finalizarse  uns 30 anos.

Desde fai anos vimos denunciando que os parques infantís existentes son insuficientes para atender as necesidades das familias do barrio. O parque infantil existente na Riouxa é insuficiente, hai espazo para súa ampliación  e melloraría a oferta de parques infantís.  

Polo que  debe incluírse unha nova partida de mellora do parque da Riouxa, por un importe de 400.000 euros.

Renovación da  rede de abastecemento e a pavimentación da rúa párroco Don Serafín

A veciñanza da rúa párroco Don Serafín, padece desde hai moitos anos continuas roturas da tubaxe da rede de abastecemento de auga. Isto supuxo cortes do subministro continuos, obras na rúa e o deterioro do firme desta rúa, desde hai anos.

O pasado mes de xullo como as roturas eran continuas Aqualia realizou un “ bay pass “ coa colocación en varios tramos da rúa de tubaxe ao descuberto, como unha medida provisional para evitar as continuas roturas.

Daquela desde a Asociación falamos coa concellaría de Fomento, que se comprometeu nuns meses a realizar un proxecto para realizar a substitución desta tubaxe.

Despois de cinco meses a situación da rúa segue cun remendo, o asfalto deteriorado e non hai unha data real para a renovación do abastecemento de auga.

Polo que  debe incluírse unha nova partida de renovación da rede de abastecemento de auga e a pavimentación da rúa párroco Don Serafín, por un importe de 200.000 euros. 

Mellora do saneamento na rúa Arnela

Nun regato da rúa Arnela, especialmente visíbel entre os números 19 e 25, podemos comprobar a existencia de augas fecais, este regato  desembocan no regato do Paraixal.

Unha parte da veciñanza que vive no entorno queixase desde hai anos das augas fecais,  ademais da presenza de moitas ratas.

Esta Asociación presentou escritos denunciando esta situación tanto ao Concello como a Aqualia.

Ademais, este caso denunciouse por parte dalgunha veciña de xeito reiterado ao longo dos últimos dez anos  ao Concello de Vigo, a Aqualia e a Augas de Galicia.

Polo que debe incluírse unha nova partida de mellora do saneamento da rúa  Arnela, por un importe de 150.000 euros.

Rúa párroco Don Serafín.