A Asociación Veciñal de Teis, convoca unha concentración este sábado 12 de decembro ás 17:00 horas, na avenida de Buenos Aires, a altura do aceso a AP9, para esixir a mellora dos pasos elevados na Xorxa e na Trapa, a instalación de pantallas contra o ruído e a conversión da autoestrada en tramo urbano desdePadín.

Pasos elevados

Levamos desde xaneiro de 2019, esixindo a mellora dos pasos elevados da Xorxa e da Trapa, debido a súa falta de mantemento e para impedir a incomunicación deste lugares de Teis, pois o Ministerio de Transporte despois de 40 anos da súa posta en funcionamento, considera que son pasos peonís e quer impedir o paso de vehículos.

Pantallas contra o ruído

O tramo de Teis até o centro da cidade da autoestrada AP9, presenta un dos niveis de contaminación máis altos de contaminación acústica a nivel de Estado, así o recoñece a propia concesionaria e o Ministerio de Transporte. Porén, neste tramo non existe nin un só metro de pantallas contra o ruído.

Conversión autoestrada AP9 en tramo urbano

É unha reivindicación histórica a necesidade de converter a autoestrada desde as Torres de Padín até o centro da cidade, pase a ser unha vía urbana con acesos, para desconxestionar de trafico tanto Tais como Chapela. No caso de Tais, para reducir o tráfico da rúa Sanjurjo Badia e a Travesía de Vigo .

A discriminación da cidade, por parte do Ministerio

No caso da autoestrada AP9 o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, ten unha actitude de só defender os intereses da concesionaria da autoestrada e discrimina a cidade.

Por último, nestas reivindicacións debe haber unha implicación do goberno municipal de Vigo, que non pode seguir, sendo unha comparsa do goberno do Estado.