A ASOCIACIÓN XA SOLICITARA UNHA VISITA AS INSTALACIÓNS DEPORTIVAS DA ETEA, NO MES DE ABRIL

A Asociación Veciñal de Teis (AVT) solicitou por escrito, a través do rexistro xeral, unha xuntanza co Alcalde de Vigo e o Concelleiro de Deportes para tratar a situación das instalacións deportivas da ETEA.

Na visita realizada á ETEA o 9 de maio polo grupo municipal do BNG e o Alcalde,Abel Caballero este anunciou a apertura dunha parte destas instalacións que se realizaría logo da aprobación definitiva dos rozamentos municipais de 2012.

O pasado 16 de abril a AVT solicitou poder realizar unha visita as instalacións deportivas da ETEA, para coñecer o estado real das mesmas. O motivo é que hai xa un ano finalizaron as obras de acondicionamento dunha parte das  instalacións deportivas da ETEA, abandonadas desde a saída dos militares destes terreos no outono do ano 2002.

O 4 de agosto do ano pasado, a solicitude da AVT, a Asociación mantivo unha reunión con responsábeis municipais. Nesa xuntanza Manel Fernández, concelleiro de Deportes sinalou, que nesa altura as instalacións aínda non estaban recepcionadas polo Concello e que polo tanto non había data para apertura das mesmas.

A A.V.Teis manifesta que o feito de que a día de hoxe as instalacións deportivas da ETEA, non estean abertas (parcial ou totalmente) confirma as denuncias realizadas ao longo destes anos pola AVT nas que cualificaba o investimento de 850.000 euros realizado nestas instalacións deportivas como insuficiente.

Desde a A.V.Teis queremos que o alcalde Abel Caballero termine de vez coa continua improvisación en relación ás instalacións deportivas da ETEA e os constantes anuncios e declaracións que despois nunca se cumpren ao longo destes xa case cinco anos como Alcalde da cidade. Parece que a vontade do alcalde é sementar a confusión entre a veciñanza mediante anuncios mediaticos que despois quedan en nada. 

A A.V.Teis quer coñecer, por tanto, cal é o proxecto definitivo do goberno municipal para estas instalacións deportivas da ETEA, así como os prazos concretos para a apertura total das mesmas (pavillón, piscina e campo de fútbol). En todo caso, a AVT non vai aceptar que se reduza nin eliminen estas instalacións deportivas, como se de deduce das últimas declaracións do Alcalde.

Por último, a A.V. Teis reitera -máis alá das instalacións deportivas- a súa vontade, decisión e seguimento para que os terrenos da antiga ETEA revertan nos veciños de Teis e Vigo a través dos equipamentos sociais (gardería, residencia de maiores…) comprometidos por distintas admiministracións.

Vigo, 16 de maio de 2012

 

Asdo. Anxo Iglesias Covelo.

Secretario da A.V. de Teis.