A Asociación Veciñal de Teis, quer amosar a súa indignación e malestar pola decisión do goberno municipal e do seu Alcalde, de non incluír a proposta de Antonio Collazo, como vigués distinguido a titulo póstumo, na aprobación no pleno municipal de hoxe.

Unha vez máis Abel Caballero, Alcalde de Vigo, amosa unha actitude sectaria ao  excluír  a proposta de Antonio Collazo, como vigués distinguido.

Está proposta xurdiu de colectivos sociais como a Asociación Veciñal de Teis e o colectivo de pensionistas e xubilados/as de UGT Vigo, que o pasado 13 de marzo, presentamos un escrito conxunto solicitando para se lle conceda a Antonio Collazo Collazo, a distinción de vigués distinguido a titulo póstumo.

Abel Caballero, ignora as propostas dos movementos sociais e elaborando a proposta dos vigueses  distinguidos  unicamente a súa medida.  

Cal é a xustificación para excluír está proposta?, máis ala do sectarismo e o desprezo aos movementos sociais reivindicativos.     

A finais do pasado mes de agosto de 2022, produciuse o falecemento de Antonio Collazo Collazo, veciño de Teis, quen fora directivo da Asociación Veciñal de Teis, ao longo de máis de dúas décadas, destacando o seu período como presidente.

Foi un home entregado a Asociación Veciñal de Teis, tendo adicado máis de 23 anos da súa vida de xeito desinteresado a Asociación. Pola súa longa traxectoria e implicación era un dos referentes do movemento veciñal de Vigo.

Sempre foi unha persoa de ideas de esquerda e comprometido co seu pobo,

pois ademais de implicarse co movemento veciñal, participou tamén no movemento sindical. No ámbito sindical foi membro da executiva da federación de químicas e enerxía de UGT Vigo e actualmente era membro do comité da unión de xubilados e pensionistas de UGT Vigo.

Tamén debemos destacar a súa faceta humana: honesto, comprometido,  solidario, dialógante. Que se facía querer por calquera persoa que o coñecía. Un home de ben.

O pasado 28 de xaneiro, celebramos en Teis unha homenaxe no local social da Asociación. Neste acto houbo unha presenza importante de representantes de todos os partidos políticos con representación institucional, movemento asociativo e sindical de Vigo, no que quedou demostrado o cariño e o recoñecemento que existe na cidade a figura de Antonio Collazo Collazo.